8.2.09

Bilingüismo sobrenatural

Levaba tempo querendo escribir sobre isto pero onte unha amiga mandoume unha ligazón a un artigo dun xornal e pensei que era o momento axeitado. O artigo é o seguinte http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2009/02/06/0003_7510686.htm

Non é que queira darlle publicidade pero é dun ridículo tal que penso que hai que lelo. Sempre me pareceron irrisorias as afirmacións sobre que o español está ameazado en Galiza, pero que agora fagan unha manifestación e que diferentes grupos políticos e persoas que coñezo apoien esta absurdez xa me parede de tolos. Sabedes que eu afronto mellor os meus problemas con humor así que alá vai:

VOU TER TRABALLO SEGURO!! Si, por dúas razóns pirncipalmente:

1. o feito de que non consuma ningún tipo de droga (tabaco, porros, alcol, etc) fai que a miña taxa de mortandade neuronal sexa inferior ao das persoas da miña idade (segundo os estudos médicos feitos ata agora) así que dentro duns anos, como as neuronas son as únicas células que non se reproducen (din), vou ter un reconto moi superior á media, ou iso é o que calculei, jejejeje. así que serei listérrima!! :P Ben, esta é a razón máis cómica, ou máis de broma, vale? que non se enfade ninguén. Pero agora vén a razón científica seria!! JAJAJAJAJA

2. Polo visto son superdotada e non é polo reconto neuronal. Resulta que hai xente (máis da que se podería ignorar) que afirma que é imposible falar dúas linguas e ter a mesma competencia. É dicir, que non se pode ser bilingüe. E que os nenos/as non entenden as materias que non se imparten na súa lingua habitual. O que me fai concluír que teño unha intelixencia fóra do normal porque dende pequena estudei materias en galego cando era unha lingua absolutamente allea a min . Chegaba a casa e meus pais non podían axudarme cos deberes (supoño, porque a verdade é que non lembro tal situación. Imaxino que porque non foi traumático para min). Pensaba en castelán e escribía as tarefas, traballos e exames en galego. E sacaba sobresaínte en moitas desas materias. E agora resulta que son competente nas dúas linguas: a materna (español: tres variedades, a estándar, a arxentina e coruño) e a aprendida (galego). E podo falar e escribir cos mesmos erros ou acertos nunha ou noutra.

Hai unha manifestación nestes días á que acudirán moitas persoas que pensan que isto é imposible. Isto súbeme moitísimo a autoestima porque os pobres van manifestar publicamente a súa ignorancia e a súa incapacidade (e a dos seus fillos) e imaxino que aos que estades na miña situación, que tamén sodes bastantes, e acabades de ler este razoamento, sentídesvos super-listos/as, va que si?

E agora, acabada a parte humorística, pregúntome: en serio dá tanto medo que os nenos/as aprendan galego? en serio pensan que o español está ameazado, cando é (e parece que será por moito tempo) a lingua de prestixio na sociedade galega? de verdade hai xente que cre este discurso que parece sacado dun monólogo do clube da comedia? ou é simplemente que teñen medo, inseguridade, como cando alguén fala nunha lingua que non entendes e pensas que te están a insultar ou a rirse de ti? por que as linguas son para algunha xente coma unha arma arreboladiza? por que escoitamos cousas como “hablan catalán por joder” ou “hablan así para que no les entendamos”? por que hai ese medo, esa inseguridade nun mesmo?? é todo un problema de autoestima?? e por que a educación e a lingua na que se imparten as aulas e etc etc son temas nos que parece que todo o mundo pode opinar coma se fose un experto por ter un fillo/a ou por ter estudado?? por que ninguén achega argumentos de xente que se especializase nos seus estudos en socio-lingüística ou no ensino de linguas ou na influencia das linguas no ensino das outras materias??

Máis reflexións: por que será que falei durante 19 anos español e non tiven ningún problema en absoluto e dende que falo galego non hai mes que pase sen que teña algún tipo de conflito?? de verdade cre alguén ese rollo de “cada un que fale o que queira”? por que nunca me preguntaron por que falaba español e pregúntanme constantemente por que falo galego? por que pensan os de Galicia bilingüe que as persoas pasan do galego ao español só en determinados ámbitos (estudados e analizados por especialistas en sociolingüística)? como é que fun quen de aprender unha lingua na escola que non era a que se falaba na miña casa, que nunca escoitara, e agora podo desenvolvemre sen problemas nela? como é que non estou traumatizada por tal suceso? como é que os únicos momentos traumáticos que lembro foron os primeiros meses de comezar a falar galego cando as persoas do meu contorno pareceron molestarse e incomodarse dun xeito tal que mo facían pasar mal cos seus comentarios, burlas e preguntas inquisitorias??

Pois nada, aí deixo as miñas preguntas no ar. Marcho á camiña cunha gran contradicción: por unha banda estou feliz porque atoparme con xente deste tipo faime subir a autoestima e pensar que realmente teño un don para as linguas, jejeje. (Home, despois poño os pés na terra e miro ao meu redor e a xente fóra de Spain fala como mínimo 3 linguas correctamente e despois as que veñan). Din que a violencia chama a violencia, e eu creo que a ignorancia chama a ignorancia e senón mirade canta xente se xuntou nese grupiño ridículo que se manifesta (e que di defender o bilingüismo e a igualdade e despois afirman que é imposible, jajaja).

E por outra banda estou triste tamén, porque aínda que son super-lista, jejeje, non me gusta descubrir que o mundo está cheo de persoas homófobas, xenófobas, violentas, futbolistas (jejeje), aberrantemente millonarias... e agora galegófobas (non todo na mesma persoa, por sorte...). O mundo é un sitio un pouco peor dende que lin este artigo. En fin, sorte que, como sabedes, estou na miña burbulla tubinguesa que me protexe de todo mal, jejeje.

Un bico e até pronto! E coidado cos galegófobos que andan soltos por aí e camuflados, porque paracen xente normal, moderna, agradable e de súpeto... ZAS! en toda la boca!!