13.12.07

Mensaxe de esperanza, porque estamos en Nadal



Ola xente!
Hoxe voulle dedicar o meu blog a dúas persoas ás que quero moito e coas que teño pasado moi bos momentos. O outro día tivemos unha conversa moi divertida por internet con cámara web incluída. O lado máis positivo das novas tecnoloxías: a comunicación con calquera parte do planeta. Sentirte aínda máis preto da xente á que queres e botas de menos.
Esta parella son Juanjo e Montse e escollín esta foto porque me encanta e porque no fondo son boa persoa e non quería poñer as que nos sacamos o outro día en pixama, jeje. Perdón, Montsiña (como di Aitor) en bata, que é unha señora, jeje.
Montse e Juanjo son unha proba de que existe o amor e de que dúas persoas poden complementarse de tal xeito que sexan aínda mellor xuntas que por separado. Son o equipo perfecto e para min un exemplo de parella. Quérense, respétanse e cóidanse un ao outro, como deberían facelo todas, aínda que por desgraza moitas veces non sexa así. Teñen unha relación sa (que xa é moito dicir nestes tempos) e ademais relaciónanse co resto do mundo (que tamén é raro, jeje).
Por sorte cada vez atopo máis parellas deste tipo. Máis relacións igualitarias, nas que ningún membro somete ao outro. E máis relacións maduras nas que non hai discusións diarias por calquera chorrada de adolescentes de tipo “que facías falando con esa?” ou “como non te lembraches de que hoxe é San Valentín?? Non me queres??”.
Alégrome de ver que a hai xente que quere, que sabe querer e que ademais se deixa querer. Nunha sociedade que tende ao individualismo (no sentido negativo da palabra), ao egocentrismo e ao egoísmo, dá gusto atopar xente que dá sen esperar recibir e que ama sen medo, sen inseguridades, sen barreiras.
Dende aquí un bico moi grande a este par de dous, cos que seguramente coma as uvas un ano máis (con piscina climatizada incluída, espero!!)
Coidádevos moito e seguide queréndovos tan ben!
Apertas a centoooooooos,
Mariana

PS: Recoméndovos unha canción preciosa que fala do amor a primeira vista. Pedro Guerra e Chico Cesar: http://mx.youtube.com/watch?v=aSAjaDCLRtI

9.12.07

Visitas e descubrimentos



Ola amiguiñ@s!
Como andades? Eu ben. Cansa, pero feliz. Estes días tivemos visita. Primeiro Rober, que xa repite. (A ver se algúns e algunhas vos aplicades o conto! Que xa hai xente que está na segunda ronda!!). Pasámolo ben aínda que a visita foi algo accidentada porque Aitor estaba moi liado e tiven que ensinarlle eu soa Alemaña. En fin, para os que me coñecedes isto xa non precisa máis aclaración. Sentido da orientacón nulo, torpeza, mala memoria e pouco dominio do idioma, jeje... así que houbo varias confusións de trens e non sei nin que lle ensinei de cada cidade. Pero Rober é moi abnegado e non protestou nada. Incluso cando se borraron as fotos da súa cámara... Síntoo Rober... Está visto que os aparatos eléctricos me odian así que non sei que fago en Comunicación Audiovisual...
Despois a miña familia veu coñecer Tübingen. E moi ben. Gustoulles todo. Marcharon contentos sobre todo porque viron que estou ben e que é verdade todo o que lles contaba. Alemaña é un gran país.
E a semana que vén: Simposio sobre Rosalía de Castro, así que estaremos atendendo aos convidados/as.
Vida social intensa neste mes.

Sigo na burbulla. Na bóla de neve. Ás veces alguén axita e caen as folerpas. Voan sobre as casas. E sobre min. E ninguén pode romper o cristal. Ninguén. Iso espero...

E nestes días descubrín algunhas cousas. Que dá medo ser tan feliz. Que boto de menos a algunha xente. Que necesito a outra. Que o teléfono marca case sempre os mesmos números. Que podes mirar a alguén sen roupa e desexar pintalo. Que rir deitada presta máis ca rir de pé. Que podo facer que a alguén lle saia o zume de laranxa polo nariz e que é moi desagradable (o que demostra, como di a nai de Santi, que o nariz é un burato só de saída e non de entrada). E que a poesía pode ser divertida. Moi divertida. Déixovos cuns poemas do Colectivo Ronseltz:

Neotrovadorismo (II)
(cantiga de amigo, escarnio e mal dizer)

Antes eras un colega
pero agora
me cago en tu puta madre
me cago en tu puta madre


Teño na miña man escreber
as palabras máis sublimes.
Teño na miña boca pronunciar
as palabras máis fermosas.
Pero ti... ti nunca me miras,
ti nunca me escoitas.
(Último poema de Maiquel Llordan antes de adicarse definitivamente
ao baloncesto).


Suicidio
Colles o teléfono
Marcas o teu número
Falas contigo mesmo:
Decididamente, non te podes ver.
Antes de discutir
Prefires colgarte.


Galiza
Todo na miña terra é paisaxe
Menos traxe,
paxe
e garaxe.


Bicos e apertas para tod@s!!
Coidádevos moito e que vos coiden!!
Mariana

Foto: con Rober (das poucas que sobreviviron) nun restaurante elegantísimo en Baden Baden, osea!

PS: As putis xa teñen fotolog!!! Estades todas/os convidadas/os.