
Ola amiguiñ@s!
Como vai? Xa sei, levo máis dun mes sen actualizar. Son un desastriño. Pero é que despois do éxito da última actualización... non sabía que poñer. Non podo facer un blog sobre Virita, por moito que algúns queirades!! jejeje. Porque hai moitos temas que tratar nesta vida...
E aproveitando que hoxe é o super debate entre o señor ese que precisa un foniatra e moitas clases de educación para a cidadanía e o señor que compra-vende votos pola tele, voulle dedicar o post ás eleccións e aos probemas que realmente nos preocupan á xente da rúa.
Parece ser que o debate de hoxe pode ser decisivo para o resultado das eleccións. Pese a ser un debate absolutamente pactado, preparado e que vai amosar unicamente as posturas dos dous partidos maioritarios, porque todos sabemos que o que importan son as maiorías. As minorías mellor ignoralas, facer coma que non existen e, se é posible, aplastalas. Para que ter 10 opinións se podemos reducilas a dúas. Do mesmo xeito que para que imos falar dúas linguas se podemos falar só unha.
Por sorte para todas e todos os cidadáns existen xa un par de plataformas que se ocupan polos verdadeiros problemas dos ciddáns. Por fin alguén fala claro e defende ás persoas discriminadas da sociedade, ás persoas que ven día a día como se vulneran e se pisotean os seus dereitos: os castelán falantes en Galiza.
Realmente debe ser difícil falar castelán neste país, educar a un fillo/a en castelán, intentar empregar o castelán en todos os ámbitos (no traballo, na administración pública, na escola, na universidade, no Corte Inglés...). Debe ser moi duro. Debe ser unha loita continua contra prexuízos e discriminacións porque o castelán é de toda a vida a lingua mal vista e peor valorada neste país. Imaxino aos pobres que van a calquera sitio e tentan expresarse en castelán e reciben sempre a resposta en galego e notan que os miran mal ou que comentan polo baixo "este seguro que vota ao PP". Pobres... Basta xa de discriminación!! Liberdade lingüística xa!! Que cada un fale o que queira!! Pode falar castelán e ser boa persoa igual!! Non sexades cabróns e non obriguedes a esa pobre xente a escolarizar aos seus fillos cun 50% de aulas en galego!! Que aberración!
En fin, non sei onde imos parar. Sorte, como dicía, que xa hai plataformas en Galiza que protexen os dereitos de todas e todos nós e reivindican un país máis xusto e igualitario. Oxalá chegue un día en que calquera poida falar castelán en calquera sitio e non sexa discriminado nin sinalado pola lengua empregada. Oxalá...
Por certo, hoxe estiven a ver os spots publicitarios dalgúns partidos. Hainos graciosos, hainos ben feitos, hainos cutres e hainos que dan medo. Gustoume o de Esquerda Unida (que podedes ver se pinchades aquí). Gustoume máis que nada porque resume a súa ideoloxía sen necesidade de nomear a ningún outro partido. Os do PP e os do PSOE non parecen ter ideas propias para amosar nos seus spots, nin sequera unha mensaxe clara. Pobres... como se anunciaría cada un se non existise o outro partido??
A próxima actualización tardará menos dun mes, prometido.
Coidádevos moito e pensade que ides facer o día das eleccións que, como escoitei por aí, algún día os vosos fillos/as preguntaranvos que fixestes para mudar as cousas que non vos gustaban.
Moitos biquiños!! E até outra!
Mariana
2 comentarios:
isto: GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
Se o que saiu na tele era un debate, eu xogo o basket mellor que Gasol! Biquiños
Publicar un comentario